Archive for Febreiro 2009

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 23ª Xornada

Febreiro 24, 2009

Rápido de Bouzas 1 – Sárdoma CF 3

Sufrida e laboriosa vitoria nun dos moitos derbis locais, aínda que este con certa soleira pola rivalidade entre ámbalas dúas entidades, e terceira consecutiva, cuarta no que vai de segunda volta e trece puntos de quince posibles. O autor dos tres tantos foi o dianteiro centro e máximo artilleiro do equipo, Pedro, que precisamente garda certos vínculos co conxunto do barrio de Bouzas, mais que non tivo piedade deles no transcurso do encontro. Só se sufriu un pouco trala igualada a un tanto, pero cando peor se vía o horizonte unha internada pola banda esquerda de Víctor ata a liña de fondo cun pase da morte medido executábao chegando dende atrás Pedro maxistralmente. Logo, tras un saque de esquina, acabaría sentenciando a disputa.

O equipo sobe un posto na clasificación, da sexta posición pasa a ocupar a quinta, despois de remontar en tres xornadas sete puntos ao conxunto que o precedía na clasificación, o Ural. Importante triunfo para recibir o sábado nas Relfas a un rival que na primeira volta deu moi boa impresión e que está facendo un campionato de menos a máis, o Conxo de Santiago de Compostela.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 22ª Xornada

Febreiro 15, 2009

Sárdoma CF 1 – Ural CF 0

Importante triunfo o conseguido onte pola tarde polo equipo vigués, ante o equipo que o antecede inmediatamente na táboa clasificatoria. Deste xeito consegue acortar a diferenza que os distanciaba a dous puntos, non permitindo que se lles escapen na clasificación os da Coruña. Outrosí, tamén é subliñable esta vitoria polo feito de producirse ante un dos cinco primeiros da liga, ata agora foran todas igualadas, coa salvedade das derrotas co Areosa e o Montañeros.

Houbo dous tempos para cada conxunto e ocasións dabondo para que o marcador reflectise un resultado máis amplo. Mais o gol de Maikel ao comezo do segundo tempo; e a posterior nulidade atacante dos dianteiros visitantes, maila extraordinaria actuación do gardameta Iago, permitiu sumar tres puntos fundamentais ante o derbi que se aveciña a vindeira semana en Bouzas.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 21ª Xornada

Febreiro 9, 2009

Victoria 1 – Sárdoma CF 2

Despois da suspensión da vixésima xornada da competeción de liga por parte da Federación Galega de Fútbol, a instancias dos comunicados enunciados pola Xunta de Galicia ante os precavidos informes emitidos por MeteoGalicia, por motivos de alerta laranxa ante outro posible temporal meteorolóxico (hoxe mesmo vólvense suspender as clases ante outra posible fronte meteorolóxica adversa no ensino infantil e de secundaria).

Logo, entón, doutro descanso dunha semana sen campionato, viaxouse ata A Coruña para afrontar o encontro fronte ao Victoria, que rematou cun un a dos favorable.

Foi un partido con dúas partes ben diferenciadas, por unha banda, no primeiro tempo apenas se crearon claras ocasións de gol e o partido estivo moi igualado en canto a forzas, sen que ningún dos dous conxuntos fixese merecementos de seu para volver ao vestiario con vantaxe no marcador. Doutra volta, no segundo tempo o panorama foi completamente diferente, con alternativas para ambos os dous conxuntos que rematarían por decantarse polos vigueses con dous tantos convertidos poloo seu dianteiro centro, Pedro. Os locais acurtaron distancias a pouco de rematar o encontro tras asubiar o colexiado unha pena máxima, apertando a diferencia no marcador.

Nova vitoria con sufrimento nesta temporada marcada polos resultados apertadísimos na totalidade dos encontros xogados, mais que mereceu sen dúbidas a viaxe.

Na vindeira xornada recibe o equipo nas Relfas ao Ural, outro conxunto da zona da Coruña, cos ánimos deportivos animados polos acontecementos da primeira volta e a proximidade de ambas as dúas escuadras na clasificación, quinto o equipo da cidade herculina e sextos os vigueses. Agardemos que todas as paixóns rematen aí, co exemplo que non son quen de transmitir nin pais, nin adestradores, nin árbitros, no ámbito deportivo do campo de fútbol entre os propios xogadores, quen á fin e ao cabo son os protagonistas do xogo.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!