División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 34ª Xornada

Xuño 6, 2009

A.C.D. A Seca 0 – Sárdoma CF 1

Obxectivo cumprido!!! O conxunto remata cuarto clasificado, tras a última xornada, despois de consumar o seu labor. Aínda que o resultado antóllase curto polos méritos feitos ao longo do encontro, acadouse o logro principal que eran os tres puntos.

Unha gran tempada, mágoa que teña que rematar. Agora a afrontar a Copa Deputación, un trámite que permitirá aos rapaces non abandonarse, pero que xa non ofrece o mesmo estímulo que a competición ligueira.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 33ª Xornada

Maio 26, 2009

Sárdoma CF 3 – Calasancio 2

A falta dunha soa xornada para o remate da competición o Sárdoma aguanta a cuarta posición, un punto por riba do Areosa e dous por debaixo do Montañeiros. Polo tanto a resolución deses tres postos, do terceiro o quinto, queda para a derradeira xornada de liga, cando xa sabemos o campión, Deportivo da Coruña, e os postos de descenso quedaron definidos definitivamente despois desta xornada: A Seca, Ourense, Ponte Ourense e Xuventude Aguiño.

O Montañeiros enfróntase ao pechacancelas da clasificación, en teoría non debería sufrir para reter a súa posición na táboa. Máis difícil se presenta a saída do Sárdoma CF a Pontevedra para enfrontarse co A Seca, a pesar de estar descendido. Por último, o Areosa visita Santiago, cos locais sen aspiracións a nada e pensando nas vacacións. Así as cousas só queda pensar en gañar para manter o cuarto posto, mentres se agarda un milagre na Coruña e sen facerse moitas ilusións coa vista posta en Santiago.

En canto ao pertinente da entrada, sufriuse demasiado perante un rival incómodo polos métodos ruíns e maliciosos que empregan na contención, aínda que os xogadores de medio campo cara a arriba se prestan a xogar e combinar habilmente o balón. O primeiro tempo rematou igualado, igual que o foi o desenvolvemento do xogo. Na segunda quenda o Sárdoma CF foi superior, puido rematar o encontro cun resultado máis amplo e folgado pero entre os liñas e o colexiado impediron que tal suceso se producise. Finalmente, conseguiuse a vitoria, que á postre era o fundamental para conservar a posición na clasificación co equipo fracamente desgastado dende fai ben xornadas. Os goleadores foron: Cristian, Michael e Pedro.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 32ª Xornada

Maio 26, 2009

Deportivo da Coruña 5 – Sárdoma CF 3

Moito campión este que non deu opción á sorpresa, rematando o primeiro tempo cun esclarecedor tres a un, con gol de Víctor polo Sárdoma CF. Así como no primeiro tempo o conxunto vigués saíu algo timorato e descentrado, concedendo demasiadas facilidades defensivas co equipo aparentemente mermado física e psiquicamente, a temporada fíxose moi longa no último tramo de competición, no segundo tempo igualaron as forzas e xogaron con máis soltura e graza o que lles permitiu marcar dous goles e manter a intensidade do equipo herculino ao máximo durante todo o encontro. Co tres a dous Víctor dispuxo dun clara oportunidade para igualar a contenda, ilusión que se esvaeceu na xogada posterior cando eles non perdoaron. Festival de goles e fútbol entre dos conxuntos que deixaron moi boa impresión ao longo do ano. Os tantos do Sárdoma C.F. no segundo tempo foron de Pedro e dun inmenso Víctor, de fenomenal xogada individual.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 31ª Xornada

Maio 14, 2009

Sárdoma CF 3 – Santiago de Compostela 1

Partido sentenzado á metade do segundo tempo, cun contundente tres a cero, que puido complicarse se os santiagueses estivesen máis acertados de cara ao portal do conxunto local. E todo tralos trocos para dar descanso a columna vertebral do equipo e certo estado de relaxación vendo o encontro practicamente cerrado. Ata aí, unha moi boa media hora no primeiro tempo, o que se chegou ao seu remate cun esclarecedor dous a cero, tanto de Víctor e Pedro. Nos primeiros compases do segundo tempo, tras unha boa xogada combinativa e unha gran acción de Pedro, remachou a faena novamente Víctor. Logo, o xa comentado, partido aberto, con máis empuxe visitante, ocasións para ambos os dous bandos e os apuros finais que sempre xorden o perder a concentración e a organización nestas categorías.

O mellor é a suma dos tres puntos, que permiten seguir soñando co terceiro posto, despois da igualada do Montañeiros co Pabellón, en Ourense. Segue estando difícil, pero só hai dous puntos de distancia na clasificación e a ilusión e a consistencia sempre foi dous dos piares fundamentais deste equipo, sen iso non se houbesen conseguido algúns dos fitos acadados o longo da temporada. Dito isto, cómpre ser realistas e o enfrontamento co Deportivo da Coruña, oficialmente campión da categoría, como anunciaba na entrada anterior, preséntase case como definitivo, para coñecer as opcións de rebasar ao Montañeiros na táboa clasificatoria, unha vez rematada a vindeira xornada de liga.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 30ª Xornada

Maio 8, 2009

Montañeiros 2 – Sárdoma CF 1

O soño de ser terceiros está esta semana un pouco máis lonxe, o Montañeiros afástase na clasificación catro puntos, cando restan por xogar catro partidos e quedan doce puntos en xogo. Por se isto non fose suficiente, o calendario favorece os coruñeses, mentres que o Sárdoma fixo peores números na primeira volta ao final e aínda ten que medirse polo camiño ao imbatible dende a segunda xornada e indiscutible líder, pode proclamarse campión a falta de tres xornadas esta fin de semana, Deportivo da Coruña.

O encontro discurriu polos cauces que agardaba o Sárdoma, dominio absoluto dos locais no primeiro tempo con algunha clara ocasión para abrir o marcador, aínda que puido ser o Sárdoma quen tomase vantaxe no electrónico de aproveitar tres contragolpes, dous deles moi perigosos. Se esta quenda remotou en igualada, o segundo tempo presumíase determinante, e abofé que non defraudou, adiantándose o Montañeiros nos primeiros compases deste período e acadando o empate o Sárdoma por mediación do seu dianteiro centro, Pedro, ben avanzada esta quenda. Cando semellaba que todo estaba decidido e os dous conxuntos se conformaban coa igualada, primeiro o Sárdoma a porta valeira puido desequilibra-la balanza ao seu favor, mais quen perdoa remata por pagar esa condescencia e máis cando diante está o terceiro da táboa, quen aproveitou un erro nunha xogada de banda mal tapada para botar por terra todo o traballo feito durante oitenta minutos. Esperemos que isto non afecte os xogadores para vindeiros compromisos, posto que a quinta praza está case asegurada, e poida afianzar o cuarto posto de aquí ao remate da liga en dura pugna con outro equipo vigués, o Areosa.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 29ª Xornada

Maio 1, 2009

Sárdoma CF 3 – Xuventude Aguiño 1

Un trámite máis no camiño cara ao terceiro posto, solventado con máis sufrimento do agardado, xa que ata ben entrado o segundo tempo non se puido establecer o gol da tranquilidade. Mal partido no plano futbolístico, cunha segunda parte para esquecer. Dáse a casualidade que o xogo peor desenvolvido ao longo da temporada coincidiu contra o mesmo conxunto en ambas as dúas disputas, mal precendente e sensacións contraditorias para encarar unha das finais que quedan até o final da competición, coa terceira praza en xogo esta fin de semana. O Montañeiros vén de golear, como visitante, a un rival incómodo, como o Conxo, o que reforza a súa condición de favorito para o partido que o enfronta mañá como local co Sárdoma CF; amais parte coa vantaxe do gol average favorable, posto que si xa a vitoria será complicada este apartado estatístico amosase un feito inalcanzable co un a catro do partido de ida.

Posto que non houbo moito subliñable, destacarei os tres goles, Michael (2) e Pedro; e que segue a conta de penas máximas erradas, tres, con este lanzamento.

Oxalá mañá poida traer mellores noticias.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 28ª Xornada

Abril 21, 2009

Areosa 1 – Sárdoma CF 2

Encontro resolto nos intres finais, grazas a un tanto do dianteiro centro e máximo goleador da equipa, Pedro. Antes, tamén no transcurso do segundo tempo igualara a contenda Kevin, mediante a transformación dunha pena máxima na área local por mans tras botarse un saque dende o curruncho. Vitoria moi importante, xa que logo, afianza ao conxunto na cuarta praza, distancia aos seus máximos perseguidores en catro e sete puntos, Areosa e Ural, e permanece unha semana máis a tan só un da terceira posición que ocupa nestes intres o Montañeiros.

O dominio do partido dividiuse en un tempo para cada equipo, sendo superior o Areosa durante todo o primeiro tempo, no que lograron adiantarse no marcador, mais sen acadar setenciar a disputa nesa primeira quenda. Xa no segundo, os visitantes adiantaron liñas, dispuxeron de diversas ocasións e conseguiron darlle a volta ao encontro; aínda que os locais xamais lle perderon a cara á contenda e tamén puideron marcar nalgunha ocasión illada das que dispuxeron ao longo deste período.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

PS: Noutro orde de acontecementos, antes do comezo da Semana Santa, visitou a cidade o equipo madrileño do Rayo Majadahonda, como comentaba na entra anterior. Hai que destacar que son unha equipa cun enorme potencial, redundando maiormente no aspecto físico. Aínda que tampouco desdeñan o bo trato co balón e o xogo combinativo, de aí que non sorprenda a súa alta posición na táboa clasificatoria no sector da CCAA de Madrid, chegando a ameazar seriamente aos dous conxuntos que a encabezan, Atlético de Madrid e R. Madrid, nos enfrontamentos directos entre eles. O resultado final do amigable foi un rotundo 1 a 5; o gol de Víctor pódese ver aquí.

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 27ª Xornada

Abril 4, 2009

Sárdoma CF 5 – Ourense 3

Boa primeira media hora do conxunto local, tres a cero, onde semellaba ter sentenciado o encontro e prometía unha tarde tranquila; mais un gol dos visitantes antes de coller o camiño dos vestiarios para afrontar o tempo intermedio devolveu a emoción ao encontro.

Tras o retorno ao campo o segundo tempo converteuse nunha loucura cos dous conxuntos botados ao ataque buscando a vitoria, os locais loitando pola cuarta praza da clasificación e os visitantes tratando de aliviar a crítica situación na que se encontran, a cinco puntos dos postos da permanencia na categoría. O Sárdoma soubo contemporizar mellor a ansiedade e resolver con solvencia nos intres finais cara á meta rival; e rematou por levarse a disputa. Polo Sárdoma CF marcaron: Pedro, Uru, Carlos, Víctor e Nico.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Hoxe volve xogar o equipo ás catro, nas Relfas, un encontro amigable, fronte a un conxunto madrileño situado nos postos privilexiados da clasificación da mesma categoría na zona madrileña, o Rayo Majadahonda.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 17ª e 20ª Xornadas

Marzo 28, 2009

Sárdoma CF 3 – A Seca 1

Sárdoma CF 3 – Ponte Ourense 1

Partidos correspondentes ás dúas xornadas suspendidas e adiadas, polo temporal que azotou á costa galega nas primeiras datas do ano e á celebración dun torneo das seleccións inferiores que obrigou a deter a competición durante unha quenda, ata a semana de San Xosé, maila ponte correspondente, para aqueles que puideron gozar dela. Os encontros de ambas as xornadas estiveron cortadas por un mesmo patrón, ocasións a esgalla dos locais no primeiro tempo, con aproximacións contadas durante o transcurso dos visitantes, algunhas tinxidas dun certo perigo, que nun determinado momento do encontro e xa entrado o segundo tempo puido variar algunha das disputas. Finalmente, os vigueses, menos necesitados, máis serenos e impoñendo a súa teórica superioridade, souberon resolver con contundencia, no derradeiro cuarto de hora, as dúas confrontacións. No primeiro encontro marcaron polos locais: Víctor e Pedro (2); mentres o segundo resolvíano: Nico, Víctor e Pedro (P).

Os goles do Sárdoma CF, correspondentes á segunda volta do compionato, podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación, correspondentes á décimo sétima xornada.

Resultados e clasificación, correspondentes á vixésima xornada.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 26ª Xornada

Marzo 16, 2009

Pabellón Ourense 5 – Sárdoma CF 1

Dun correctivo pasamos a outro, mais neste caso trátase dun severo castigo ao caer estrepitosamente fronte ao oitavo clasificado, no derradeiro cuarto de hora de encontro, recibindo tres goles nuns escasos seis minutos e outro mais cando o colexiado asubiaba o remate da disputa. Polos visitantes, marcou o gol da honra, Pedro.

A vindeira cita será este próximo xoves, San Xosé, recuperando o partido suspendido polos temporais do comezo do ano fronte ao Ponte Ourense.

Os goles do Sárdoma CF, correspondentes á segunda volta do compionato, podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!