División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 25ª Xornada

Marzo 16, 2009 por Ren

Val Miñor 0 – Sárdoma CF 5

Encontro amplamente dominado polos visitantes, que ben puido rematar tres a oito, ou catro a oito, porque os locais tamén gozaron de manifestas ocasións para acadar algún tanto. Trámite solventado con suficiencia e tremenda superioridade. Marcaron Michael (2), Martín, Pedro e Víctor.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 24ª Xornada

Marzo 16, 2009 por Ren

Sárdoma CF 0 – Conxo 0

Partido con dúas faces, no primeiro tempo dominio e control visitante, para ceder este tras o intermedio aos locais. Reparto de ocasións e na porcentaxe da posesión do esférico, moito respecto por ambos os dous bandos.

Ao remate do encontro o Sárdoma presentou unha reclamación, por alineación indebida dos visitantes, que está sendo avaliada na Federación Galega de Fútbol, no caso de que o recurso prospere, ante a interposición das conseguintes aclaracións dos santiagueses, concederíaselle a vitoria e os tres puntos aos locais. Polo momento, aínda non se pronunciou o ditame final, así que a clasificación continúa sen trocos.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 23ª Xornada

Febreiro 24, 2009 por Ren

Rápido de Bouzas 1 – Sárdoma CF 3

Sufrida e laboriosa vitoria nun dos moitos derbis locais, aínda que este con certa soleira pola rivalidade entre ámbalas dúas entidades, e terceira consecutiva, cuarta no que vai de segunda volta e trece puntos de quince posibles. O autor dos tres tantos foi o dianteiro centro e máximo artilleiro do equipo, Pedro, que precisamente garda certos vínculos co conxunto do barrio de Bouzas, mais que non tivo piedade deles no transcurso do encontro. Só se sufriu un pouco trala igualada a un tanto, pero cando peor se vía o horizonte unha internada pola banda esquerda de Víctor ata a liña de fondo cun pase da morte medido executábao chegando dende atrás Pedro maxistralmente. Logo, tras un saque de esquina, acabaría sentenciando a disputa.

O equipo sobe un posto na clasificación, da sexta posición pasa a ocupar a quinta, despois de remontar en tres xornadas sete puntos ao conxunto que o precedía na clasificación, o Ural. Importante triunfo para recibir o sábado nas Relfas a un rival que na primeira volta deu moi boa impresión e que está facendo un campionato de menos a máis, o Conxo de Santiago de Compostela.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 22ª Xornada

Febreiro 15, 2009 por Ren

Sárdoma CF 1 – Ural CF 0

Importante triunfo o conseguido onte pola tarde polo equipo vigués, ante o equipo que o antecede inmediatamente na táboa clasificatoria. Deste xeito consegue acortar a diferenza que os distanciaba a dous puntos, non permitindo que se lles escapen na clasificación os da Coruña. Outrosí, tamén é subliñable esta vitoria polo feito de producirse ante un dos cinco primeiros da liga, ata agora foran todas igualadas, coa salvedade das derrotas co Areosa e o Montañeros.

Houbo dous tempos para cada conxunto e ocasións dabondo para que o marcador reflectise un resultado máis amplo. Mais o gol de Maikel ao comezo do segundo tempo; e a posterior nulidade atacante dos dianteiros visitantes, maila extraordinaria actuación do gardameta Iago, permitiu sumar tres puntos fundamentais ante o derbi que se aveciña a vindeira semana en Bouzas.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 21ª Xornada

Febreiro 9, 2009 por Ren

Victoria 1 – Sárdoma CF 2

Despois da suspensión da vixésima xornada da competeción de liga por parte da Federación Galega de Fútbol, a instancias dos comunicados enunciados pola Xunta de Galicia ante os precavidos informes emitidos por MeteoGalicia, por motivos de alerta laranxa ante outro posible temporal meteorolóxico (hoxe mesmo vólvense suspender as clases ante outra posible fronte meteorolóxica adversa no ensino infantil e de secundaria).

Logo, entón, doutro descanso dunha semana sen campionato, viaxouse ata A Coruña para afrontar o encontro fronte ao Victoria, que rematou cun un a dos favorable.

Foi un partido con dúas partes ben diferenciadas, por unha banda, no primeiro tempo apenas se crearon claras ocasións de gol e o partido estivo moi igualado en canto a forzas, sen que ningún dos dous conxuntos fixese merecementos de seu para volver ao vestiario con vantaxe no marcador. Doutra volta, no segundo tempo o panorama foi completamente diferente, con alternativas para ambos os dous conxuntos que rematarían por decantarse polos vigueses con dous tantos convertidos poloo seu dianteiro centro, Pedro. Os locais acurtaron distancias a pouco de rematar o encontro tras asubiar o colexiado unha pena máxima, apertando a diferencia no marcador.

Nova vitoria con sufrimento nesta temporada marcada polos resultados apertadísimos na totalidade dos encontros xogados, mais que mereceu sen dúbidas a viaxe.

Na vindeira xornada recibe o equipo nas Relfas ao Ural, outro conxunto da zona da Coruña, cos ánimos deportivos animados polos acontecementos da primeira volta e a proximidade de ambas as dúas escuadras na clasificación, quinto o equipo da cidade herculina e sextos os vigueses. Agardemos que todas as paixóns rematen aí, co exemplo que non son quen de transmitir nin pais, nin adestradores, nin árbitros, no ámbito deportivo do campo de fútbol entre os propios xogadores, quen á fin e ao cabo son os protagonistas do xogo.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 19ª Xornada

Xaneiro 24, 2009 por Ren

Celta de Vigo 1 – Sárdoma CF 1

Xusta igualada a un tanto, Pedro para os da parroquia viguesa no primeiro tempo, despois de conectar un testarazo na execución dunha falta, nun encontro no que as alternativas sucedéronse durante os corenta minutos iniciais e tras a reanudación o máximo representante da cidade olívica, en canto a popularidade e recoñecementos, levou a iniciativa e gozou de diversos achegamentos perigosos que non soubo materializar. Sería pois nos derradeiros minutos, restaban tres para concluír o encontro, cando logo dun saque de esquina acadarían o definitivo tanto que igualaba a contenda.

Un triste resultado, véndoo dende unha perspectiva ambiciosa, porque uns quedan máis lonxe da loita polo título e os outros lixeiramente amolados por non aproveitar ningunha das dúas ocasións, tanto na primeira volta como na segunda, nas que tiveron contra as cordas a un dos favoritos ao título de liga.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 18ª Xornada

Xaneiro 18, 2009 por Ren

Sárdoma CF 3 – Pontevedra 2

Adiada a décimo sétima xornada, derradeira da primeira volta, que debía enfrontar ao equipo co A Seca, que se traslada ao 21 de marzo, polos encontros que a selección galega na categoría cadete disputou en Marbella, co gallo da competición entre comunidades autónomas, tornou novamente a voráxine da competición doméstica.

Enorme primeiro tempo do equipo, que salvo os dez primeiros minutos nos que puido encaixar algún tanto mercé a dous erros defensivos nas marcaxes de dúas faltas, gobernou e dominou o tempo do encontro. Grazas a iso marchou aos vestiarios con dous goles a favor, Maikel e Tor, e coa sensanción de poder ampliar a vantaxe e gozar dunha disputa tranquila por primeira vez na temporada. Mais está escrito que esta escuadra está deseñada para sufrir, sobre todo, nos comezos dos segundos tempos, onde incomprensiblemente o cadro vigués se vén abaixo. Circunstancia que desta volta aproveitoron os pontevedreses para igualar a contenda; que se decantaría finalmente para os locais tras o asubiou dunha falta á beira da área que rematou coándose nas mallas visitantes despois do forte disparo de Uru.

Volta á senda do triunfo, a pesar dos sufocos finais, e ledicia por ter superados os tan devecidos e axexados trinta puntos. Ademais tamén supón un golpe moral para enfrontar a vindeira xornada na Madroa, fronte a un dos aspirantes ao título, o Celta de Vigo.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 16ª Xornada

Xaneiro 18, 2009 por Ren

Calasancio 1 – Sárdoma CF 0

Tras un parón de dúas semanas por motivos festivos, co Nadal de por medio, e despois da celebración de Aninovo retomouse a competición cunha saída a un dos campos que se está a amosar más dificiles de superar para os visitantes durante esta temporada.

Mal partido dos vigueses en Monforte, que pudieron levar un feixe de goles no primeiro tempo, mais tamén acadar un punto nos minutos finais de converter un penalti sinalizado ao seu favor, tras a agresión do porteiro local sobre o dianteiro do Sárdoma CF Pedro, que este marrou no seu lanzamento.
Á fin do encontro tangana dialéctica entre xogadores e técnicos de ambos os dous conxuntos: en parte pola dureza extrema coa que se empregaron os locais; a mala actuación arbitral, denodadamente caseira, con redacción adobiada, expoñendo acontecementos que non ocorreron ou que se produciron doutro xeito, da acta arbitral; e actitude desvergoñada e altiva do colexiado e familiares do mesmo.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 15ª Xornada

Decembro 21, 2008 por Ren

Sárdoma CF 1 – Deportivo da Coruña 1

Orde e un impecable traballo colectivo foron argumentos suficientes para igualar co mellor conxunto da categoría cadete da división de honra galega. O encontro desenvolveuse polos derroteiros agardados, cun líder sólido que levou a iniciativa da disputa e un Sárdoma que aguanta ordenado e cas liñas moi xuntas obstaculizando o avance do rival. No primeiro tempo adiantouse o equipo local cun extraordinario golpeo dende a liña frontal da área de Rubio, e nos primeiros compases do segundo igualarían os visitantes. Calquera das dúas escuadras fixo merecementos e ocasións abondo para decantar o encontro do seu lado, mais os locais perderon a oportunidade en dous enfrontamentos directos co cancerbeiro coruñes, cando os xogadores visitantes estaban totamente volcados na consecución do segundo tanto que lles dese a vitoria, de acadar un prestixioso triunfo.

Unha vez máis a nota negativa do encontro encontrámola na lingua viperina e soez da delegación coruñesa, dando así mostras do vulgar comportamento dun señor club como debería ser a entidade deportivista, que non souberon encaixar, nin pais, nin corpo técnico, nin xogadores, un inesperado resultado, que a falta de coñecer dous marcadores de conxuntos implicados polo título pode apertar a cabeza da táboa. Lástima, porque a educación e a corrección son dous piares básicos na formación destes rapaces, mais cos analfabetos que soen acompañar estas expedicións, polas referencias á historia do reino galaico-portugués ou comentarios despectivos sobre a situación xeográfica na que se atopa a parroquia de Sárdoma, entre outras lindezas, dificilmente podes inculcar valores como respecto e tolerancia.

Vindeira saída, data e encontro sen confirmar, dependendo do estado climatolóxico, Monforte de Lemos. O rival será o Calasancio, que se atopa nos postos da metade da táboa clasificatoria.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 14ª Xornada

Decembro 14, 2008 por Ren

Santiago de Compostela 2 – Sárdoma CF 2

Esquecíaseme sinalar que a vindeira saída será a Santiago, para enfrontarse ao Compos, agardemos mellor sorte e un/unha arbitr@ con carácter e personalidade (refírome á decisión e determinación; non á ira, nin á fachenda); e que, polo menos, saiba de fútbol e coñeza o regulamento, que saiba aplicalo xa sería o summum. Sen liñas, please, para o labor que fan, mellor que queden na casa.

Algúns tamén o fan con premeditación e aleivosía, e cando o ser humano antepón a malicia e a ruindade por riba da conduta deportiva o resultado non pode ser outro que o raterismo descarado, impunible e desleixado.
Só se entende así que un equipo que foi tremendamente superior, que marcou catro goles legais, o que machucaron a faltas e golpes e que loita contra catorce elementos dentro dun campo de fútbol, sobre todo enfrontándose á tiranía do que leva o chifre no buzón da caixa da face e aos mexericas cagarolas das bandeiriñas, perda dous puntos porque un malfeitor e zalapastrán se dedica durante oitenta minutos a destruír todo o entusiasmo e traballo duns rapaces de quince anos.
Mais non remata aí a historia; se non fose suficiente con amargar e frustrar todo o labor destes mozos, consegue, como se dunha película de ficción se tratase, inventarse un penalti favorable aos locais no derradeiro minuto de encontro e ensinarlle tarxeta amarela ao infractor para que a designación se sostivese dalgún xeito, despois de conceder un fóra de xogo de tres metros; lanzado este, con paradiña de segundos inenarrables do executor incluída non ordenar repetilo. É dicir, tres gravosas malicias en tan só unha xogada de toda a contenda resumen a ditadura e as trampuzas destes elementos no que foi a súa actuación global. Con xentuza trampulleira e xurafaz coma esta non só é difícil gañar, senón mesmo ir disfrutar a un campo de fútbol.

Por certo, que o equipo recupero as boas sensacións das primeiras xornadas da liga, Pedro marcou un dese goles para enmarcar (e ben que puido incluír outro extraordinario á súa conta de non mediar a mesquindade de certo invididuo) e xa resta menos para acadar o tan anhelado obxectivo dos trinta puntos.

Vindeira semana, As Relfas vístese de gala para recibir ao Deportivo da Coruña, líder indiscutible da categoría ata o momento; e, probablemente, o equipo que máis variantes futbolísticas expón sobre o terreo de xogo xunto ao Sárdoma CF.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

Fe de erratas: O resultado do encontro non rematou cun dous a catro como debería reflectir segundo as circunstancias acontecidas durante o transcurso do mesmo, senón nunha inefable igualada.