Arquivo de Abril, 2009

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 28ª Xornada

Abril 21, 2009

Areosa 1 – Sárdoma CF 2

Encontro resolto nos intres finais, grazas a un tanto do dianteiro centro e máximo goleador da equipa, Pedro. Antes, tamén no transcurso do segundo tempo igualara a contenda Kevin, mediante a transformación dunha pena máxima na área local por mans tras botarse un saque dende o curruncho. Vitoria moi importante, xa que logo, afianza ao conxunto na cuarta praza, distancia aos seus máximos perseguidores en catro e sete puntos, Areosa e Ural, e permanece unha semana máis a tan só un da terceira posición que ocupa nestes intres o Montañeiros.

O dominio do partido dividiuse en un tempo para cada equipo, sendo superior o Areosa durante todo o primeiro tempo, no que lograron adiantarse no marcador, mais sen acadar setenciar a disputa nesa primeira quenda. Xa no segundo, os visitantes adiantaron liñas, dispuxeron de diversas ocasións e conseguiron darlle a volta ao encontro; aínda que os locais xamais lle perderon a cara á contenda e tamén puideron marcar nalgunha ocasión illada das que dispuxeron ao longo deste período.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

PS: Noutro orde de acontecementos, antes do comezo da Semana Santa, visitou a cidade o equipo madrileño do Rayo Majadahonda, como comentaba na entra anterior. Hai que destacar que son unha equipa cun enorme potencial, redundando maiormente no aspecto físico. Aínda que tampouco desdeñan o bo trato co balón e o xogo combinativo, de aí que non sorprenda a súa alta posición na táboa clasificatoria no sector da CCAA de Madrid, chegando a ameazar seriamente aos dous conxuntos que a encabezan, Atlético de Madrid e R. Madrid, nos enfrontamentos directos entre eles. O resultado final do amigable foi un rotundo 1 a 5; o gol de Víctor pódese ver aquí.

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 27ª Xornada

Abril 4, 2009

Sárdoma CF 5 – Ourense 3

Boa primeira media hora do conxunto local, tres a cero, onde semellaba ter sentenciado o encontro e prometía unha tarde tranquila; mais un gol dos visitantes antes de coller o camiño dos vestiarios para afrontar o tempo intermedio devolveu a emoción ao encontro.

Tras o retorno ao campo o segundo tempo converteuse nunha loucura cos dous conxuntos botados ao ataque buscando a vitoria, os locais loitando pola cuarta praza da clasificación e os visitantes tratando de aliviar a crítica situación na que se encontran, a cinco puntos dos postos da permanencia na categoría. O Sárdoma soubo contemporizar mellor a ansiedade e resolver con solvencia nos intres finais cara á meta rival; e rematou por levarse a disputa. Polo Sárdoma CF marcaron: Pedro, Uru, Carlos, Víctor e Nico.

Os mellores momentos do encontro podedes atopalos aquí.

Resultados e clasificación.

Hoxe volve xogar o equipo ás catro, nas Relfas, un encontro amigable, fronte a un conxunto madrileño situado nos postos privilexiados da clasificación da mesma categoría na zona madrileña, o Rayo Majadahonda.

Aburiño!!