Arquivo de Decembro, 2008

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 15ª Xornada

Decembro 21, 2008

Sárdoma CF 1 – Deportivo da Coruña 1

Orde e un impecable traballo colectivo foron argumentos suficientes para igualar co mellor conxunto da categoría cadete da división de honra galega. O encontro desenvolveuse polos derroteiros agardados, cun líder sólido que levou a iniciativa da disputa e un Sárdoma que aguanta ordenado e cas liñas moi xuntas obstaculizando o avance do rival. No primeiro tempo adiantouse o equipo local cun extraordinario golpeo dende a liña frontal da área de Rubio, e nos primeiros compases do segundo igualarían os visitantes. Calquera das dúas escuadras fixo merecementos e ocasións abondo para decantar o encontro do seu lado, mais os locais perderon a oportunidade en dous enfrontamentos directos co cancerbeiro coruñes, cando os xogadores visitantes estaban totamente volcados na consecución do segundo tanto que lles dese a vitoria, de acadar un prestixioso triunfo.

Unha vez máis a nota negativa do encontro encontrámola na lingua viperina e soez da delegación coruñesa, dando así mostras do vulgar comportamento dun señor club como debería ser a entidade deportivista, que non souberon encaixar, nin pais, nin corpo técnico, nin xogadores, un inesperado resultado, que a falta de coñecer dous marcadores de conxuntos implicados polo título pode apertar a cabeza da táboa. Lástima, porque a educación e a corrección son dous piares básicos na formación destes rapaces, mais cos analfabetos que soen acompañar estas expedicións, polas referencias á historia do reino galaico-portugués ou comentarios despectivos sobre a situación xeográfica na que se atopa a parroquia de Sárdoma, entre outras lindezas, dificilmente podes inculcar valores como respecto e tolerancia.

Vindeira saída, data e encontro sen confirmar, dependendo do estado climatolóxico, Monforte de Lemos. O rival será o Calasancio, que se atopa nos postos da metade da táboa clasificatoria.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 14ª Xornada

Decembro 14, 2008

Santiago de Compostela 2 – Sárdoma CF 2

Esquecíaseme sinalar que a vindeira saída será a Santiago, para enfrontarse ao Compos, agardemos mellor sorte e un/unha arbitr@ con carácter e personalidade (refírome á decisión e determinación; non á ira, nin á fachenda); e que, polo menos, saiba de fútbol e coñeza o regulamento, que saiba aplicalo xa sería o summum. Sen liñas, please, para o labor que fan, mellor que queden na casa.

Algúns tamén o fan con premeditación e aleivosía, e cando o ser humano antepón a malicia e a ruindade por riba da conduta deportiva o resultado non pode ser outro que o raterismo descarado, impunible e desleixado.
Só se entende así que un equipo que foi tremendamente superior, que marcou catro goles legais, o que machucaron a faltas e golpes e que loita contra catorce elementos dentro dun campo de fútbol, sobre todo enfrontándose á tiranía do que leva o chifre no buzón da caixa da face e aos mexericas cagarolas das bandeiriñas, perda dous puntos porque un malfeitor e zalapastrán se dedica durante oitenta minutos a destruír todo o entusiasmo e traballo duns rapaces de quince anos.
Mais non remata aí a historia; se non fose suficiente con amargar e frustrar todo o labor destes mozos, consegue, como se dunha película de ficción se tratase, inventarse un penalti favorable aos locais no derradeiro minuto de encontro e ensinarlle tarxeta amarela ao infractor para que a designación se sostivese dalgún xeito, despois de conceder un fóra de xogo de tres metros; lanzado este, con paradiña de segundos inenarrables do executor incluída non ordenar repetilo. É dicir, tres gravosas malicias en tan só unha xogada de toda a contenda resumen a ditadura e as trampuzas destes elementos no que foi a súa actuación global. Con xentuza trampulleira e xurafaz coma esta non só é difícil gañar, senón mesmo ir disfrutar a un campo de fútbol.

Por certo, que o equipo recupero as boas sensacións das primeiras xornadas da liga, Pedro marcou un dese goles para enmarcar (e ben que puido incluír outro extraordinario á súa conta de non mediar a mesquindade de certo invididuo) e xa resta menos para acadar o tan anhelado obxectivo dos trinta puntos.

Vindeira semana, As Relfas vístese de gala para recibir ao Deportivo da Coruña, líder indiscutible da categoría ata o momento; e, probablemente, o equipo que máis variantes futbolísticas expón sobre o terreo de xogo xunto ao Sárdoma CF.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!

Fe de erratas: O resultado do encontro non rematou cun dous a catro como debería reflectir segundo as circunstancias acontecidas durante o transcurso do mesmo, senón nunha inefable igualada.

División de Honor Cadete Galega Sárdoma C.F. 13ª Xornada

Decembro 7, 2008

Sárdoma CF 1 – Montañeros 4

Fronte a ventos, mareas (negra ou verde ou vermella, que agora visten moi rechamantes, e transparente) e un vendaval físico nada puido facer o Sárdoma C.F. no seu encontro de onte á tarde. Se ben é certo, tampouco se pode obviar a evidencia e dicir que o Montañeros non mereceu a vitoria, nada máis lonxe da realidade.

Como noutras tardes nas Relfas, por que será que o equipo sofre as peores arbitraxes como local, cando debería ser ao contrario, inexplicable. Nunha tarde de cans para a práctica do fútbol, debido á climatoloxía, o equipo amosou unha mellor cara respecto da anterior fin de semana no primeiro tempo, aínda que con dúbidas e imprecisións que lle puideron costar moito máis do que o resultado reflectiu ao finalizar os primeiros corenta minutos, 0-1. Tamén dispuxo das súas ocasións o Sárdoma C.F., mais na portería visitante atopábase un dos mellores porteiros cos que se enfrontou o equipo vigués e non houbo xeito de superalo.

O segundo tempo foi outra historia, a capacidade e o portento físico da talla dos xogadores do Montañeros, sumados aos fortes refachos favorables, convertiron esta quenda nun paseo para os da Coruña, colocando un severo castigo no marcador final e a terceira derrota consecutiva como locais.

En canto ás xogadas punibles, pois de dubidosas non teñen ren, o primeiro gol do Montañeros sobe despois dunha fragrante falta o porteiro do Sárdoma C.F. dentro da área pequena; antes desa xogada, hai outro penalti, coma fai quince días, que se bota como falta fóra da área, teima dos arbitros con designar fóra o que é tan obvio que se produce dentro, e neste caso aínda máis grave porque se a anterior acción que relatabamos fai quince días podía dar obxecto a algún tipo de dúbida ao producirse o lance sobre a liña mesmo, nesta oportunidade todo se desenvolve dentro da área, dende o inicio da xogada, ata dous metros despois onde se produce o derrubo, ver para crer; por último, o cuarto gol dos visitantes dáse como válido despois non dun, senón de dous fóras de xogo, liñas para qué, entón.
En fin, que mexan por un e por riba cobran, logo do que tes que aguantar dos hooligans farfantóns que acompañan aos equipos.

Esquecíaseme sinalar que a vindeira saída será a Santiago, para enfrontarse ao Compos, agardemos mellor sorte e un/unha arbitr@ con carácter e personalidade (refírome á decisión e determinación; non á ira, nin á fachenda); e que, polo menos, saiba de fútbol e coñeza o regulamento, que saiba aplicalo xa sería o summum. Sen liñas, please, para o labor que fan, mellor que queden na casa.

Resultados e clasificación.

Aburiño!!