Sárdoma CF 2 – Rápido de Bouzas 1
Apurada e costosa vitoria do conxunto anfitrión nas Relfas, máis polo que reflexa o marcador final que polos méritos contraídos ó longo de todo o encontro polos dous conxuntos; máis favorables estes os intereses do Sárdoma CF.
Xa nas últimas semanas o equipo tende a comezar os encontros ben organizado e manexando o tempo e ritmo de balón, mais cando as cousas semellan estar controladas e que a disputa para discorrer por uns cauces se non serenos, algo menos desacougantes, todo se complica.
Nunha desafortunada xogada dos visitantes o esférico coouse na súa propia meta adiantando así os locais, que noutro maxistral lanzamento de libre directo de Víctor colocaba o dous a cero no simultáneo e encarrilaba o partido. Ou iso semellaba, porque entre o xuíz de liña da banda dereita, que se dedicou a levantar coma un resorte a bandeirola todo o encontro, tanto para uns como para outros, e o xuíz máximo encargado de dirimir a contenda decidiron que os locais deberían sufrir si ou si. E tanto foi así, que nunha pena máxima que o árbitro se sacou da chisteira, porque llo pitaron os xogadores e seareiros (hooligans) do R. de Bouzas, este conseguiron recortar distancias antes de chegar o tempo de lecer.
E o segundo tempo foi un continuo sufrir, nas últimas datas o conxunto cóstalle mergullarse nos segundos tempos, ou polo menos manter a organización dentro do campo, conservar e desprazar o balón con solvencia, aínda que aos arreóns si consigue facer moito dano, proba diso foron dous claros enfrontamentos directos co meta rival que non remataron nas mallas por precitación. Tamén Tensi nunha falta e noutro lanzamento dende fóra da área puido sentenzar o encontro, mais a dureza e brusquidade emprega polos boucenses deixouse notar durante todo o segundo tempo e apenas si houbo xogo fluído. Dixen que non ía falar dos árbitros, mais non vou deixar pasar a oportunidade de referirme á pouca personalidade dalgúns persoeiros deste colectivo que se deixan influenciar polos elementos externos e acaban pitando todo o que o afeccionado lles solicita, como ocorreu nesta fin de semana. En fin, lamentable, nin criterio, nin carácter, nin tolerancia, nin diálogo, nin prestancia,… un dislate, é todas as semanas ocorre o mesmo conto. Segunda semana na que agarran descaradamente a Pedro cando se dirixe a meta dentro da área contraria, e segunda semana que voa outro penalti. Non sei, terán que zoscarlle, romperlle unha perna ou tronzarlle un xeonllo, porque senón dubidou eu que algún se atreva a castigar unha impunidade se o rapaz non cae ao chan morto da dor. Pois nada, que entre unhas cousas e outras, que si, outra semana que ao equipo lle costou xogar ben, no entanto sacou o marcador adiante e continúa cuarto, a un punto do líder Deportivo da Coruña, unha semana máis; e tamén máis preto dos trinta, xa só quedan dezaseis para chegar ao obxectivo. Por certo, non podo deixar de referirme á enorme intervención de Iago, o porteiro do Sárdoma, ante unha xogada illada dos visitantes xa nas postrimerías do segundo tempo que puido supoñer a igualada visitante; recuando ante un globo do dianteiro boucense e sacando unha abraiante manopla para enviar a pelota ao córner.
Próximo encontro, dentro de sete días, na capital de Galiza. O grupo viaxa a Santa María de Conxo, din que é un dos desprazamentos máis complicados, polas dimensións do campo, a composición do mesmo (herba natural) e pola afervoada afección local, que hai na competición. Dito isto, despois de seis xornadas, campos fáciles nin un só, e seareiros apaixonados e entusiastas a eitos. Outrosí é o dos energúmenos que pululan por todas as terras, parece que a educación, o respecto e xustiza son meras utopías e ideais; coa clase de dirixentes políticos e o sistema educativo de hogano créanse bestas, no canto de persoas racionais.
Saúdos e aburiño!!