Ponte Ourense 2 – Sárdoma CF 4
Xusta e merecida vitoria, dun equipo combativo e correoso (Ollo!, que está descrición leva retranca polo medio; ver páxina do R.C. Celta de Vigo e os comentarios vertidos sobre o encontro disputado hai unha semana dende a web oficial do club céltico), por dous goles a catro, en Oira, fronte ó Ponte Ourense. Un triunfo importante, dado o empate acadado na xornada anterior co R.C. Celta que precisaba ser refrendado cos tres puntos, para adquirir tranquilidade no xeito de encarar próximos envites, co fin de asentarse canto antes nos postos máis folgados da clasificación.
Pouco a destacar do encontro, salvo o feixe de tarxetas amarelas coas que regresa o equipo, seis se non me trabuco, máis unha vermella amosada ó primeiro adestrador por protestar, destas houbo como tres máis entre as amarelas; e convén engadir outra máis, totalmente desatinada, ó vergoñoso espectáculo ofrecido polo colexiado, por ir trotando a efectuar a botadura dun saque de esquina, que non sei como terán que ir os xogadores de agora en diante cando queiran realizar calquera acción a balón parado cando teñan que atravesar o campo dunha banda á outra, nun partido onde non houbo ningunha entrada que mereza o calificativo de desorbitada para tan excesivo e sangrante castigo. A única acción merecedora de tal calificativo pode considerarse un forte encontronazo nun balón dividido no aire, ó que Tensi máis outro xogador do equipo local foron pola súa disputa, resultando o peor parado este último, cun aparatoso hematoma producido ó redor do ollo dereito, froito da contundencia coa que ambos os dous xogadores perseguían a disputa do esférico.
Tras un gol temperá do equipo local, os visitantes souperon repoñerse e superar ó rival que onte tiñan en fronte. Sen un xogo brillante, coma o desenvolto nos dous primeiros encontros, e sen amosar tampouco unha abrumadora superioridade no plano futbolístico, xa que a contenda transcorreu dun xeito moi intermitente e trabado, por mor do sistema empregado polo conxunto anfitrión, a superioridade viuse clara e merecedoramente reflexada no marcador final, tanto polas oportunidades xeradas como pola proposta valente e arriscada coa que afronta cada encontro o Sárdoma C.F.. Convén salientar a mentalidade e a ambición do equipo nestas primeiras xornadas, rendendo a plantilla ó completo a un gran nivel en case todas as facetas do xogo.
O próximo encontro fronte o Victoria, da Coruña, nas Relfas, semella que será sufrido e complicado, non en tanto o conxunto coruñés presenta uns números que aconsellan prudencia e seriedade, tres igualadas e dous goles tanto a favor como en contra en tres xornadas suxiren unha custosa faena para tentaren batilos.
Aburiño!!