Non puido ser. Unha mágoa, verdadeiramente, porque houbera sido un digno e brillante broche d’ouro á gran tempada realizada polo equipo e a dirección técnica.
Foi un partido disputado, vibrante e con alternativas no marcado, con dous estilos completamente distintos; pero con un único óbxectivo na mente de ámbolos dous conxuntos, a portería contraria. Hai que felicitar o Val Miñor porque soubo aproveitar e rendabilizar mellor a súa proposta futbolística, ademais de que non se pode reprochar nada nin á actitude nin ó comportamento dos xogadores e os seus afeccionados, moi correctos nas súas formas.
No bando do Sárdoma C.F., para non caer no victimismo e que ninguén veña rosmando sobre as queixas, lamentos e reclamacións formuladas pola afección e o seu corpo técnico ós tres xuíces do encontro, quedando o adversario totalmente a marxe desta polémica. Por que se é ven certo que en termos xerais podería considerarse xunto o empate a tres goles no tempo regulamentado, hai actitudes arrogantes e presuntuosas que non se deben permitir, nin admitir, aínda que veñan dende a parcela do máximo encargado de dirixir e dirimir os posibles designios da contenda. E creo que neste caso, con moito máis motivo; posto que nestas idades o trío arbitral non está para erixirse en protagonista, senón nun secundario que faría ben en procurar unha actuación o máis desapercibida posible, sen ningunha necesidade de repercutir no desenvolvemento do partido. Dito isto, non serve de desculpa e non cabe senón recoñecer a vitoria do rival e agardar a unha mellor oportunidade para outra celebración.
En canto ó encontro, pois o Val Miñor adiatóuse moi axiña no marcador, os tres minutos de partido, despois dunha desafortunada acción do porteiro do Sárdoma C.F., que logo se resarciu atallando e resolvendo unha serie de remates con moito perigo e marchamo de gol. O Sardoma C.F. pola súa contra conseguiu darlle a volta o resultado, colocándose cun dous a un ó comezo do segundo tempo, xogando como mellor sabe e se desenvolve facéndoo, e co mellores resultados obtivo esta tempada, un fútbol elaborado e creativo, de toque e técnica. Mais, sempre hai un pero, outra das súas virtudes esta temporada, que viña sendo o excelente estado físico do equipo nos segundos tempos fronte ós rivais, viuse mermado durante, aproximadamente, quince minutos, os necesarios para que o equipo se botase cara a atrás e o Val Miñor aproveitase para colocarse novamente por riba no marcador, cun tres a dous favorable. Aínda que se algo ten o conxunto que dirixe o meu irmán é o da constancia e a perseveranza, como xa demostrara na eliminatoria fronte ó C.C.A.R. Valladares, e igual que antes o Val Miñor, tamén o Sárdoma C.F. tirou de azos, coraxe, determinación e empuxe para alcanzar un máis que merecido empate, a pesares de chegar este no tempo engadido do encontro.
Nos penaltis estivo máis acertado o Val Miñor, tanto nos lanzamentos á porta, como na figura do cancerbeiro, detendo tres penas máximas; rematando a tanda nun favorable dous a tres para os miñorenses.
Pouco máis que engadir, remata a tempada con sabor agridoce, pero coa sensación do deber cumprido, en canto a obxectivos, ascenso e subcampeonato da Copa; máis unha nota moi alta na imaxe que ofreceu o equipo na meirande fase das competicións que houbo de afrontar.
Ah, é outro matiz, nunha das primeiras entradas afirmara que eran cinco as temporadas que levaba adestrando o meu irmán, pois non, son seis, e oxalá poida festexar moitas máis, coma esta, ou mellores.
Espero seguir a contar e describir a traxectoria futbolística dos equipos que dirixa o meu irmán, de aquí en diante, durante moito tempo. Polo de pronto, ata dentro dun mes.
