Arquivo de Maio, 2008

Fase de Ascenso Cadete á Liga Galega (1ª ELIM.)

Maio 26, 2008

Como se presumía despois do acontecido ó longo da liga regular, na que ámbolos dous clubs quedaron empatados a puntos na segunda e terceira posición no quinto grupo da Liga Provincial Cadete Primeira, o cruce que deparou a primeira eliminatoria, na loita polo ascenso á Liga Galega Cadete, entre o C.C.A.R. Valladares e o Sárdoma C.F. ía ser igualada; é cómpre salientar que o amosado nos dous encontros, tanto no de ida, empate a dous tantos, como no de volta, empate a un tanto, non se desmarcou moito do guión representado o longo da tempada nos seus enfrontamentos directos e na loita polo segundo posto ó longo do campeonato regular. Tanto é así, que o Sárdoma C.F. alcanza a seguinte rolda sen gañar nin un só encontro á súa particular “besta negra” nesta tempada.

No encontro da ida as dúas escuadras amosaron as súas mellores armas, expoñendo dous argumentos vén diferenciados: pola banda do C.C.A.R. Valladares, un xogo máis vertical, rápido e directo que no comezo do partido lle permitiu adiantarse tempraneiramente no marcador, por dúas veces, é a piques estivo de deixar setenciada a eliminatoria de estaren máis acertados nun lanzamento franco ó bordo da área; por sorte para o Sárdoma C.F. todo quedou aí, e superados eses intres de atordamento e desconcerto puido comezar a desenvolver ós poucos un fútbol máis elaborado e trenzado, que lle procurou dous perigosos acercamentos que foron salvados in extremis baixo paus polos xogadores locais, máis dúas boas xogadas que remataron: unha topando co pau; e a outra despexada nunha fenomenal intervención polo cancerbeiro. O segundo tempo foi unha historia completamente diferente, ó pouco de comezar un esvarón do porteiro local ó saque dunha falta supuxo o primeiro tanto do Sárdoma C.F., e pouco despois unha gran xogada do medio esquerdo proporcionoulles os visitantes o tanto do empate. Nas botas do dianteiro centro estivo a oportunidade para darlle a volta ó marcador, pero marrou perante a meta un manifesto man a man co porteiro do C.C.A.R. Valladares practicamente batido. Tras a expulsión dun dos dous medios centros do Sárdoma C.F. o equipo replegou liñas, sacudiuse as abatidas do equipo local e procurou o temple da pelota nas escasas oportunidades que esta rodaba polo chan. Con todo, as acometidas do C.C.A.R. Valladares non se traduciron en ocasións de gol, senón en meros achegamentos illados, que non infundiron máis ca unha sensación ficticia de perigo pola súa proximidade á meta do equipo visitante.
O final, xusto empate, desde o meu criterio particular, en tanto en canto houbo equidade con respecto ás propostas de forzas, e o resultado das mesmas; pese á lamentable intervención arbitral.

No tocante á contenda disputada na volta da eliminatoria, só cabe un calificativo: nefasta. O partido disputouse baixo un ambiente bronco, crispado, opresivo e tenso ; moitos nervios, que agarrotaron os membros do equipo local, o Sárdoma C.F., e pouca definición cara ó remate polos visitantes, o C.C.A.R. Valladares, propiciada pola desesperación e a precipitación do paso do tempo e o marcador en contra. Mentres os xogadores do C.C.A.R. Valladares si sostiveron a versión que veñen desenvolvendo ó longo do ano, despregando o seu estilo baseado na garra e nos desprazamentos longos; o Sárdoma C.F. foi unha pantasma sobre o campo e unha sombra do conxunto que vén xogando habitualmente. Non se sabe se atenazados pola presión ou intimidados polo empuxe do equipo rival, ofreceron unha imaxe desdebuxada e desconxuntada como equipo, amosando unha indolencia atacante impropia dun dos conxuntos máis goleadores do campeonato regular. O único subliñable do encontro ocorreu en dous minutos: xa avanzado o segundo tempo unha xogada típica do equipo visitante, cunha pelota ás costas dos defensas locais, propiciou o gol que os poñía en vantaxe no marcador e lles procuraba a clasificación; pero o fútbol é caprichoso co destino dos futbolistas e na seguinte xogada, nada máis sacar de centro, un balón en longo dividido dentro da área visitante provocou un derrubamento do porteiro ó dianteiro centro, que en definitiva transformaríase no penalti decisivo que lles outorgaría os locais o pase á seguinte fase. Á marxe diso e mellor obviar a desastrosa labor arbitral: dúas expulsións cuestionables no bando local, falta de personalidade nos primeiros minutos do encontro para castigar máis severamente determinadas entradas, dúas accións dubidosas dentro da área local, pouca contundencia á hora da sanción do penalti… resumindo, falta de carácter para manexar un partido ben doado, pero que cadaquén se complica por falta de formación ou iniciativa persoal, iso queda para o criterio de cada un.
Ó remate, dende a miña perspectiva persoal, e sentíndoo profundamente, pola parte que me toca de preto, máis merecementos para o C.C.A.R. Valladares, que polo menos ofreceu unha mellor imaxe, acorde coa súa proposta futbolística, maila que non convenza ós afeccionados. Pola contra, deséxolle o mellor o Sárdoma C.F. na súa seguinte confrontación co Arenteiro, de Ourense, a partires do domingo día 1 de xuño.

Ai!, si, por certo, tamén seguen vivos na Copa Federación, a ver se despois de cinco anos dirixindo equipos nas categorías inferiores o meu irmán consegue recoller os seus froitos.

Comezo…

Maio 24, 2008

Boas!

Este blog só ten unha única utilidade, a de servirlle ó seu autor como instrumento de aprendizaxe, práctica e perfeccionamento da lingua escrita do idioma galego. Polo que a súa finalidade vén determinada pola inquendanza deste o seu creador para adquirir un maior coñecemento e soltura neste campo da lingua. Xurde está iniciativa motivada por dous aspectos: o primeiro, o feito de empregar na linguaxe oral o idioma galego como principal vehículo de comunicación; en segundo termo, por satisfacer unha necesidade persoal, promovida pola última gran reforma da “Normativa Galega sobre ortografía e morfoloxía”, aprobada en xullo do ano 2003 pola Real Academia Galega.

No tocante á temática do blog: queda esta indeterminada. Deste xeito, empregarei categorías e divisións para unha boa organización e mellor xestión das entradas publicadas, pretendendo facilitar a búsqueda destas os posibles visitantes curiosos. Xa que logo non vou definir o eido do blog, as entradas tratarán temas e contidos de moi diversa índole, que abranguerán dende as afeccións, pasando por comentarios sobre diversas noticias de actualidade, ata o entorno familiar e social.

Se alguén quere deixar algún comentario nunha das entradas, sabede que podedes empregar o idioma que vos praza. Cada un é libre de empregar o idioma que guste, non o que lle impoñan por interés ideolóxico, social, profesional, relixioso, político… ou familiar. O único que si debedes de ter en conta é que os contidos serán sometidos á aprobación do creador do blog, así que canto máis construtivos e razoados mellor.

Por certo, que son un neófito nisto da internet, así que espero que uns bos compañeiros que coñecín por este medio me bote de tanto en canto unha man; é pido desculpas adiantadas polo mal uso do idioma nalgún caso concreto, sobre todo o principio, porque o deixalo algún tempo descoidado costa un pouco asimilar algúns trocos introducidos recentemente.

Saúdos!